Pablo Veiga Escritor
21/04/2026
Outra Xeira
A morte dos ameneiros
Tería un que remontarse corenta anos atrás, nas primeiras clases no instituto, cando unha profesora de galego mandou realizar ós seus alumnos unha tradución na cal comezaba a frase falando dunha árbore que en castelán se denominaba aliso.
Un non estudara a lección, cómpre recoñecer, polo que non tiña nin a máis remota idea que os ameneiros de toda a vida, os mesmos que medran a carón dos ríos e de considerables dimensións, eran chamados na lingua de Cervantes alisos. A mestra en cuestión, por ese erro e por outros máis adiante, decidiu poñer como nota da asignatura de lingua galega un moi deficiente na primeira avaliación. Empatía e facultades pedagóxicas da docente brillaron pola súa ausencia e así sentenciou, inicialmente, a un xa daquela galego falante, galego pensante e galego militante. A final de curso, a valoración foi totalmente oposta, debemos sinalar.
Pois están os susoditos ameneiros de actualidade, xa que a súa vida periga pola ameaza dun fungo de raro nome. Un mal que leva actuando desde hai un par de décadas por varios países europeos e que non semella doado atopar o antídoto para combatelo. Aquí en Galicia, afectou con forza na conca do Avia, pola Limia, e tamén na nosa bisbarra. O decaemento do ameneiro obsérvase dando unha volta polas ribeiras de ríos e regatos; as outrora árbores senlleiras, que podían chegar a superar os vinte metros de altura, onde as súas follas namoraban con esa cor verde tan característica, semellan hoxe mustias e con pouca saúde, cando non xa secas de todo e mortas.
O ameneiro tivo no País a súa importancia nas economías rurais familiares. En tempos pasados, ata se extraía un tinte negro que se utilizaba na roupa; por suposto, a cantidade e calidade da súa madeira, moi considerada pola súa lóxica resistencia á humidade. Así mesmo, o valor ecolóxico que ten esta especie é enorme, resultando vital para regular as marxes fluviais e manter a biodiversidade, aínda que a estes aspectos, lamentablemente, non se lles dea o debido e xusto recoñecemento . Os ameneiros, ó igual que os salgueiros e outros máis, nacían, non se plantaban. E a incidencia humana fixo que a paisaxe preto dos nosos ríos e regatos fose mudando co paso dos anos. O cambio no uso do solo, coa utilización das parcelas para cultivos, os pasteiros para o gando e -o peor de todo- a introdución desmedida do eucalipto, trouxeron consecuencias que á vista están. A man humana, de novo, influindo de forma negativa na Natureza, buscando o beneficio rápido, aínda que iso supoña levarse por diante a vexetación, a flora e a fauna de sempre, os verdadeiros propietarios. Derivado desa temeraria intervención, un resultado ambiental que pode chegar a ser catastrófico. Como se xa non abondasen esas doenzas estranas que sabe Deus de onde proveñen e que causan un mal moitas veces irreversible, nosoutros mesmos contribuímos á desfeita, con formas e comportamentos faltos de sentido común e de sensibilidade. Para exemplo, a morte dos ameneiros.
14/03/2026
A vindeira semana, estaremos na Mariña, en Viveiro
Traballadores Sociais Escritores contadores de historias
Fernanda Arrojo Novoa
Pablo Veiga Escritor
Haga clic aquí para reclamar su Entrada Patrocinada.